lunes, 19 de noviembre de 2007

Un comezo de futuro

Despois de moitos quebradeiros de cabeza o equipo quedou finalmente composto por un plantel que mestura xogadores de varias xeracións, pouca altura, só un organizador natural... e algún que outro quilo de máis. É moi cedo para destacar algún trazo que defina a este grupo, unha boa dose de ilusión e interese son os principais trazos positivos, unido á potencialidade, por momentos o xogo parece adquirir moi bos modos. Na parte negativa, a mesma ilusión que os motiva fai que por veces agachen a orella ante unha dificultade e unha pequena dose de indisciplina.
Nos primeiros partidos un pouco de todo, aínda non me atrevo a facer unha lectura xeral, unha derrota pola mínima despois dun pésimo debut (San José de la Guía vs. CBLK), unha derrota esperada (Tui Vs. CBLK), un gran partido con afundimento xeral mediado o terceiro cuarto (CB Porriño vs. CBLK), unha abultadísima lección de veteranía (CBLK vs. C.B.O.) e unha vitoria desas que normalmente se nos escapan (CBLK vs. Cafetería Alba)

Crónica dunha vitoria agardada
O sábado 17 de novembro chegou a primeira vitoria deste segundo ano de vida do CBLK, se ben o ano pasado tivemos que agardar ata os cruces finais para saborear un triunfo, este ano o noso pequeno éxito chega co quinto enfrontamento. Despois do traballo non deixa de ser unha vitoria agardada. Ben é certo que non chegou sen sufrimento.

O partido foi absolutamente igualado, de principio a fin, e o CBLK dominou por unha escasísima vantaxe a meirande parte do partido grazas a unha boa facilidade anotadora. A suave zona-press que o Cafetería Alba plantou na cancha, tras uns primeiros tropezos, foi superada con certa facilidade, o que obrigou aos homes altos do rival a cargarse un pouco de faltas. Na outra parte, a nosa defensa foi algo máis que despistada, algo máis que branda... o que permitiu aos contrarios manterse no partido durante todo o tempo. Coas exiguas vantaxes chegamos aos momentos finais, onde por primeira vez en dous anos os rapaces de Dani souberon manter unha vantaxe nos momentos finais.

Resultado Final:
CBLK 58 - Cafetería Alba 53

Xogador por Xogador:

Duni: gran aportación no primeiro cuarto, foi o principal responsable de que o equipo despegase. Xogou pouco no tramo final.
Borja: non saiu de inicio, pero despois foi fundamental para evitar a perda de balóns no medio campo. Moi errático nos pases longos e seleccionando mal as súas faltas.
Raúl: en ataque aportou boas canastras en momentos bastantes decisivos; en defensa secou aos bases rivais. Por veces desapareceu do partido.
Dani Pérez: Un día para esquecer, ben no rebote, tanto ofensivo como defensivo, moi ben na súa selección de posición de tiro, pero moi pobre definición, moitísimos tiros errados.
Lizarralde: Por momoentos semellou un xogador indispensable, defendendo no poste xente máis grande, atacando con bos movementos. Outras veces xogou con excesivo impulso.
Jaime: Xogou preto de dous cuartos, aportando moito menos do que ten, aínda así, e malia saír frío á pista conseguiu puntos importantísimos.
Miguel Caruncho: Segue a ter tempo para demostrar o mesmo que fixo durante a pretempada. Pareceu moito máis solto neste partido, aínda que pode dar moito máis. Un susto co xeonllo sacouno da pista no segundo cuarto.
Dani Carrera: Defendeu bastante frouxo na súa primeira saída; despois un pouco mellor, pero precisa concentrarse moito máis nese traballo. En ataque comezou a aportar algún puntiño, cando saiba das súas posibilidades na pintura vai ter moita presenza.
Alberto: Aínda renqueante da lesión, non se queixa pero nótase no seu xogo. Non obstante a súa aportación ofensiva foi moi boa, indispensable no rebote de ataque.

O equipo contrario: ante nos presentábase o Cafetería Alba (o ano pasado o Liceo de Bouzas), co que perderamos os dous partidos de liga da tempada pasada; aínda que con baixas notables respecto ao ano pasado, o club mantén un bloque e é un moi digno rival, bo comportamento na pista. Foi de destacar a actuación dos seus bases, que malia a boa defensa individual desenvolvida por Raul, apenas perderon balóns de importancia. Tamén fixo moito dano un dos seus aleiros, que desbordou por velocidade aos defensores con máis frecuencia da desexada. Bo traballo.

O equipo arbitral: Jorge e Emilio Carbajo. Correctos, erros de apreciación pero moi ben situados na pista. Extraordinarios no trato cos xogadores.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Encantado de contemplar la inauguración de este blog sobre un club de interés general en la escena baloncestística viguesa como es el CBLK. Seguiremos dando guerra los próximos partidos, y prometo defender con más intensidad xDD

Anónimo dijo...

BIEN JUGADO MULLALLOS EL PROXIMO LO GANAMOS